O próximo 10 de outubro, O Valadouro ensalza o seu produto máis famoso na XXXIII Feira do Mel.

Unha edición que se ve condicionada pola pandemia COVID-19 e que cambia de localización respecto ás últimas edicións. Os apicultores e demais vendedores de produtos de tempada como poden ser as castañas ou a mazá, poñerán á venda as súas colleitas na explanada do parque Concepción Arenal, nun recinto delimitado e con control de aforo adaptado á normativa vixente do COVID-19.

As degustacións, os shows  cooking e o roteiro de tapeo que se celebrou por primeira vez na anterior edición foron suprimidas da programación, manteñen os sorteos de lotes de produtos entre os asistentes que esta vez en lugar de realizarse presencialmente serán a través do sorteo da ONCE.

A Banda de Música “O Landro” amenizará as rúas da Vila de Ferreira e ás 13:30 a banda de Gaitas “ Mondrun” dará un concerto na Praza de Santa María.

O Concello do Valadouro busca manter unha cita marcada na súa tradición, que durante anos serviu para dar publicidade e valor ao ouro líquido que se extrae das mais de 500 colmeas asentadas no seu termo municipal.