|
|
| NEOLÍTICO |
RESTOS ARQUEOLÓXICOS |
| ARCAS E MÁMOAS |
| En Galicia son sinónimos de mámoa, entre outros: madorna, madorra, madroa, mámola, meda, medela, medoña, medorra, módea, modia, modorra, modorro, montiño, morea, mota, tomba, tumba, etc. (A. ROMERO MASIÁ & F. ARIAS VILAS, 1995). |
A CASA DOS MOUROS (Budián)
Situación: A Veiga ou Granda de Lobeira. Localizada nun eucaliptal, a uns 400 metros do lugar de San Cristovo. Parroquia: Budián. Concello: O Valadouro. Período: Neolítico. Estado: moi mal conservada. Inzada de vexetación. Dous esteos verticais. Outra das pedras trasladárona desde a arca para o fondal do cercado, onde se encontra chantada. |
ARCA DA PENA MOURA (San Tomé de Recaré)
Situación: A costa Puñín-A Pena Moura pequena. Parroquia: Budián. Concello: O Valadouro. Período: Neolítico. Estado: unha arca en mal estado de conservación; fáltalle a pedra cobertora. |
O FORNO DOS MOUROS (O Cadramón)
Situación: Os Chaos. Máis arriba do lugar do Albardo. Parroquia: O Cadramón. Tipo de monumento: arca. Período: Neolítico. Clave de identificación: GA. 27. 063. 009. Descrición: Pódense ver tres lastras verticais. Hai outra lastra enterrada. Non parece cuadrangular. Falta a pedra cobertora. Con mámoa moi ben definida. Diámetros: 11,50 x 10 m. |
MÁMOA DO CHAO DAS FORCADAS (O Cadramón)
Situación: O Chao das Forcadas. Ao SO dos Chaos. Período: Neolítico. Descuberta: 04-07-2004. (Xesús Pisón e Isaac Ferreira, por indicación de Indalecio García Paz).
Descrición: Carcasa de pedras de forma circular. Cono de violación. Non existe cámara. |
ARCA DAS FORCADAS (O Cadramón)
Situación: O Chao das Forcadas. Ao SO dos Chaos. Período: Neolítico. Descuberta: 13-07-2004. (Guía: Indalecio García Paz. Acompañantes: Manuel Lourenzo, Xesús Pisón, Isaac Ferreira).
Descrición: Dous esteos. Unha suposta tapa ou cobertora (fóra do seu sitio). |
ARCA DO CARBALLO SECO (O Cadramón)
Situación: O Carballo Seco. Máis abaixo e ao leste do Chao das Forcadas. Período: Neolítico. Descuberta: 13-07-2004. (Guía: Indalecio García Paz. Acompañantes: Manuel Lourenzo, Xesús Pisón, Isaac Ferreira).
Descrición: Tres esteos, dous deles forman un ángulo recto moi ben trazado. Falta a pedra cobertora. Pode ser unha laxe situada ao lado e cuberta polo toxo. |
MÁMOA Nº 1 DA GRANDA (Ferreira)
Situación: A Granda - O Campo do Árbol. Período: Neolítico. |
CÁMARA OU DOLMEN DE RAMASQUIDE (Frexulfe)
Situación: Ramasquide. Marxe esquerda do río Fraga das Lerias, a carón do Rego da Pumarega, máis abaixo da fervenza. Período: Neolítico.
Descrición: Dous esteos verticais máis unha cuberta. Unha pedra natural cerrando o fondo. O solo da cámara tamén ten pedra. Contorno: Unha abundante silveira no conxunto dunha plantación de piñeiros. |
MÁMOAS (Moucide)
Aínda que Villa-Amil y Castro nos deixou escrito:
“Hémoslas encontrado dentro del territorio a que hemos reducido nuestras investigaciones... asimismo en las grandas de Oro y de Moucide, ambas dentro del Valle de Oro.”. (J. VILLA-AMIL Y CASTRO, 1878).
Non puidemos verificar a existencia de mámoas na parroquia de Moucide, mais si na Granda de Ouro (Bacoi). |
ARCA DO PADORNO (San Tomé de Recaré)
Situación: contorno do Curro de San Tomé. A 6,8 Km da vila de Ferreira. Actualmente a súa localización está ben indicada con carteis de madeira. Período: Neolítico.
Hai expertos que dataron algunhas das arcas existentes no Valadouro, por exemplo a do Padorno en San Tomé, como da Idade do Bronce Antigo (1800-1500 a. C., aproximadamente). É o tan coñecido Dolmen de San Tomé, do Chao do Padorno ou Mámoa do Curro. Chamada tamén O Caselo de Couso, por estar situada no Cortello de Couso. A tumba megalítica mellor conservada do Valadouro. Para uns arqueólogos é unha anta de corredor incipiente (R. BOGA MOSCOSO, 1997). Outros defínena como unha cista (ANTOM FERNÁNDEZ MALDE, 24-12-1998) que conserva boa parte da súa cámara funeraria.
Figura como Dolmen de Recaré no Inventario do Patrimonio Cultural da provincia de Lugo. Histórico-Artístico. Arqueoloxía: Mámoas e dólmenes (DOG, nº 133, 12-07-1991).
Figura no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos como Cámara megalítica de Padorno e a mámoa do Curro. Clave de identificación: GA. 27. 063. 002.
Na mámoa pódense observar:
- A cámara funeraria (anta ou cista), rectangular, formada por catro esteos.
- A súa cuberta, en forma de pequena elevación artificial do terreo.
Medidas túmulo: Noroeste-Sureste: 17 m Norleste-Suroeste: 13,5 m
Medidas cámara: 2,30 m x 1 m x 1,50 m
Material da cámara: pizarra anfibolítica
Materiais achados: 20 fragmentos de cerámica lisa; 1 lasca de cuarzo (de adscrición cultural indeterminada).
Clave de identificación: GA. 27. 063. 003.
Ademais, no seu contorno pódense observar unhas importantes acumulacións e pedras, que deben proceder da carcasa ou coiraza pétrea que protexía este tipo de construcións. |
MÁMOA Nº 1 DO CAMPO DE CHAOS
Situación: O Campo de Chaos. Á dereita da pista que leva ás Curuxeiras. É un prado cerrado con arame de espiños. Ao pé dunha especie de canteira que abriron para facer a pista co material. Período: Neolítico.
Descrición: con cono de violación. Diámetros: 12,4 x 11,8 m. Contorno: a mámoa está situada dentro dun pasteiro cerrado.
Figura erroneamente no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural como: Túmulo do Prado das Chantas. Clave de identificación: GA. 27. 063. 001. |
MÁMOA Nº 2 DO CAMPO DE CHAOS
Situación: O Campo de Chaos. A uns 33 metros da mámoa grande (Mámoa nº 1), no mesmo pasteiro cerrado. Período: Neolítico. |
AS MÁMOAS DE SABUCEDO
Situación: O Chao da Pena Moura. A Pena Moura Grande-Sabucedo. Contorno do Curro de San Tomé. Período: Neolítico.
Entendemos que son as que figuran como Mámoas de Recaré no Inventario do Patrimonio Cultural da Provincia de Lugo. Histórico-Artístico. Arqueoloxía: Mámoas e dólmenes. (DOG, nº 133, 12-07-1991). |
MÁMOA Nº 1, Nº2 e Nº3 DE SABUCEDO
Situación: O Chao da Pena Moura. |
MÁMOAS DE VILACAMPA
Situación: O Chao da Arca. Período: Neolítico.
Figuran como Mámoas de Vilacampa no Inventario do Patrimonio Cultural da Provincia de Lugo. Histórico-Artístico. Arqueoloxía: Mámoas e dólmenes. (DOG, nº 133, 12-07-1991). |
CÁMARA OU CISTA DO CHAO DA ARCA
Situación: O Chao da Arca. Ubicada nun prado lindante coa pista Vilacampa-Santo Domingo, a uns 300 m da Taberna de Vilacampa, á marxe dereita da pista na ruta a Santo Domingo.
Unha tumba megalítica incompleta que, pola forma, semella unha cista. Fáltalle a tampa. Conserva tres esteos verticais e unha pedra máis no fondo da cámara. (Visita: 10-09-1999). Forma parte da mámoa nº 1. Clave de identificación: GA. 27. 063. 004. Existen lendas sobre esta tumba. |
MÁMOA DO CHAO DA ARCA Nº 1
Situación: O Chao da Arca. Cámara: 1,33 x 1,25 m. Profundidade: 0,90 m. O túmulo desta mámoa con cista ten uns diámetros N-S de 17 m e L-O de 18 m. Clave de identificación: GA. 27. 063. 004.
Mámoa mal conservada, por ser froito de escavacións furtivas. Forma parte dun conxunto de tres mámoas que se sitúan en liña recta. |
MÁMOA DO CHAO DA ARCA Nº 2
Situación: O Chao da Arca. No mesmo prado, entre as mámoas nº 1 e nº 3. Túmulo: 20 x 30 m. Este é o túmulo máis grande dos tres que conforman o conxunto. Preséntase como unha mámoa conservada, dado que non existen indicios de ser removida a terra en profundidade. Non ten cono de violación. |
MÁMOA DO CHAO DA ARCA Nº 3
Situación: O Chao da Arca. A 100 metros, aproximadamente, da Cista do Chao da Arca, no medio do prado. O propietario dos terreos labrou o contorno. Túmulo: 17 x 15 m. Túmulo máis definido que o anterior, aínda que máis pequeno. Diversas pedras. |
MÁMOAS DO COTO DO CARBALLO
Situación: O Coto do Carballo. É o monte onde está instalada a Estación de radio de Telefónica. Período: Neolítico.
MÁMOA Nº 1
Situación: O Coto do Carballo. Na última curva de subida, nun cercado á dereita da pista. Localización: Juan López Calzada (arqueólogo), en 2005.
MÁMOA Nº 2
Situación: O Coto do Carballo. Na última curva de subida, nun cercado á esquerda da pista. Unha colonia de uces indica a súa ubicación. Localización: Juan López Calzada (arqueólogo) e Xesús Pisón, en 2005. |
| O PAU DA VELLA |
Situación: Serra do Buio, na confluencia dos concellos de Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro (parroquia de Vilacampa).
Descrición: cruz exenta, de factura tosca, dunha soa peza, case plana, cos brazos apenas realizados.
Altura: 1,05 metros. Largo nos brazos: 0,65 m. Largo no corpo: 0,35 m. Material: granito.
Altitude: 705 metros sobre o nivel do mar
Cruz ou estela antropomorfa (ou estatua-menhir) (ALFONSO R. CASTELAO, 1950). Moi semellante na forma ás estelas descubertas no interior dalgunhas mámoas. Pau da Vella pode ser sinónimo de Fuso da Bruxa, que designa en Galiza os menhires (Xesús Pisón).
Lenda
A lenda que reproducimos a seguido ilustra claramente a cristianización de ritos primitivos alí celebrados:
Algún tempo os curas do Valadouro, de Cervo, de Viveiro e de Xove ían unha vez no ano ao Pau da Vella e xantaban sentados en roda arredor da cruz (X. PISÓN & M. LOURENZO & I. FERREIRA, outubro 2005). |
| CÍRCULOS DE PEDRAS |
| O Cadramón |
“[En Galiza] Unicamente se coñeceron dous círculos líticos (cromlechs na terminoloxía bretona), ambos situados na Chaira da Mourela (As Pontes), que foron destruídos antes de seren estudiados.” (I. VILASECO VÁZQUEZ & R. FÁBREGAS VALCARCE, 1998).
OS CÍRCULOS DAS PEDRAGOSAS
Situación: pista de subida ao Chao do Lamoso. Parroquia: nun territorio en litixio entre as parroquias do Cadramón e Frexulfe. Período: sen determinar. Descubertos: 06-08-2004. (Guía: Indalecio García Paz. Acompañantes: Xesús Pisón e Isaac Ferreira).
Estado: cubertos de brañas, aínda que perfectamente visíbeis os dous círculos.
Descrición: Dous círculos concéntricos de pedras amoreadas, non chantadas. Material: xisto, cuarzo. No contorno dunha morrena de glaciar. Círculo maior (ovalado): 8,50 x 7,80 metros de diámetro. Círculo menor: 3,20 metros de diámetro.
O 21 de agosto de 2006 o arqueólogo Manuel Lestón, acompañado de Xesús Pisón, visitou os círculos das Pedragosas e a súa opinión, a falta de escavacións, foi que lle parecían un elemento prehistórico.
No País Vasco detectáronse uns 400 círculos de pedras sinxelos. Dos que se investigaron, en varios deles apareceron restos de recipientes e de cinzas.
O PRADO DO XESTO
Situación: ao pé da cabeceira da Fraga das Lerias, que delimita as parroquias de Frexulfe e O Cadramón, xa no territorio natural desta última. Período: sen determinar.
É un círculo de pedras de forma ovoidal, cerrado con plantas e arames. Pódese ver desde a estrada que sobe ao respaldo dos Penidos, 200 metros antes do ramal que leva ao Penido Vello; tamén desde a pista do Chao do Lamoso. Actualmente funciona como cercado para o gando. Ignoramos a súa cronoloxía. |
| San Tomé de Recaré |
O PRADO DAS CHANTAS
Situación: O Chao da Veiga-Pena Teixeira. Ao pé da Pena Teixeira, subindo polos pasteiros coñecidos como A Granda Vella até O Chao da Veiga. A 1 Km arriba do Curro de San Tomé, á esquerda da pista, e a 8 Km de Ferreira. Período: sen determinar.
O aliñamento de pedras que o circunda non forma un círculo perfecto (diámetros: 101 x 78 m), e a súa estrutura consta de dous elementos: chantas verticais e muro de cachote baixo.
Publicación do achado nos medios de información
“Este posible círculo lítico da época megalítica (de confirmarse sería único en Galicia) ... Está formado por un aliñamento de pedras fitas que abrangue unha área de 7.850 m2. O seu diámetro Oeste-Leste é de 101 metros, e Norte-Sur de 79 metros. O círculo conserva 250 pedras fitas, aínda que lle foron substraídas moitas outras desde o achado do círculo no ano 1994, cando uns gandeiros rozaron o monte para acondicionamento de pastos. Eran 320 metros de perímetro delimitados por pedras chantadas a unha distancia regular. A boa calidade das pedras propiciou a súa expoliación. Os cromlech son unhas construccións prehistóricas consistentes, na súa forma máis sinxela, nun círculo de pedras fitas (chantas, esteos). Abundan sobre todo na Europa Occidental, aínda que abranguen un territorio moito máis amplo. O cromlech máis famoso é o de Stonehenge, no Reino Unido, aínda que destacan outros na Bretaña francesa e na Illa de Man. Algúns arqueólogos poñen en relación a posición e ubicación dos círculos líticos con rituais relixiosos e astronómicos. Para determinar a autenticidade deste círculo lítico cómpre unha investigación oficial...De confirmarse a autenticidade do círculo lítico estariamos diante dun caso único en Galicia, tanto pola magnitude e bo estado de conservación como por ser o único existente” (M. GAGO & R. REIGOSA & X. SALGADO, 02-04-1996). |
|
|