Concello do Valadouro
O Entorno
O Valadouro
Dolmen
O Concello
Saúdo do alcalde
Corporación municipal
Emprego
Traballo Social
Atención á Infancia
Casa da Cultura
Guía municipal
 
Documentación Municipal
Axenda
Contacto
 
Patrimonio
Festas e outros eventos
O Entorno
Descubre O Valadouro
es
ga
PERSOEIROS
Féliz Álvarez Villaamil
Home polifacético, avogado, historiador, articulista e poeta. Natural de Recaré, falece en Lourenzá o 26 de abril de 1881. Membro da Real Academia de la Historia e corresponsal de La Fuente en su Historia de España. Director do boletín judicial da Coruña.
Celestino Cabarcos
Nacido en A Laxe, o 14 de maio de 1883. É ordenado sacerdote en 1914. Poeta en lingua castelá e galega, colabora en diversos xornais: El Ideal Gallego, Las Riberas del Eo, Vallibria de Mondoñedo. Utiliza os pseudónimos de “O Bruxo dos Ermos” e “Cástulo”. Noriega Varela, co que establece amizade, dedicaralle Do Ermo. En 1955 publica Cóxegas. Foi párroco de Lagoa desde 1931. Morre o 9 de xaneiro de 1961.
Andrés Canoura Palmeiro
Nacido en Santa Cruz do Valadouro o 8 de abril de 1852. Indiano e filántropo, foi o fundador nº 5 do Centro Galego de La Habana. Presidente de honra da Sociedade Hijos del Valle de Oro en La Habana. Fundador da Hidroeléctrica e fábrica de fariñas de “El Canedo”. Foi Alcalde do concello do Valadouro.
Purificación de Cora y MasVillafuerte
Nacido en Santa Cruz do Valadouro, no Pazo de Gradaílle, o 2 de febreiro de 1858. Deputado por Mondoñedo e Ribadeo en 1894. En 1908 funda o diario El Progreso. Gobernador Civil de Albacete, Ciudad Real e Cuenca. Morre en Lugo o 28 de outubro de 1941.
Ramón Fernández Mato
Vinculado ao Val pola súa esposa, natural de Ferreira. Naceu en Cespón (Boiro). Político, xornalista e escritor. Amigo persoal de Castelao e de Valle Inclán, tío de Manuel María, agrarista con Basilio Álvarez, xornalista adiantado ao seu tempo creando un dos xornais máis avanzados da súa época: El Pueblo Gallego. Figura destacada na II República, nos gabinetes de Lerroux, Portela Valladares e Casares Quiroga, con cargos de alta responsabilidade sempre resueltos con grande éxito.

Ramón Fernández Mato foi presidente do RC Celta, Presidente de Mérito do Centro Galego de Madrid e membro da Real Academia Galega. Fundou antes da guerra a primeira biblioteca mariñeira do mundo, en Bouzas, polo que foi condecorado coa Gran Cruz del Mérito Naval.

A Guerra Civil obrígao a exiliarse en Cuba, Venezuela e Santo Domingo, onde dirixe o diario La Nación e escribe, baixo a protección do ditador Leónidas Trujillo, o panexírico “Trujillo o la transfiguración dominicana”. Morre en Vilagarcía de Arousa o 22 de novembro de 1980 e os seus restos son trasladados ao cemiterio de Ferreira.

Escribiu títulos como Muros de oro (1917), Con los ojos del recuerdo. España, La tragedia del delantero centro (1929), ou La pelea gozosa.

Miro Casabella
Naceu no Valadouro en 1946. Neto dun cego cantor de coplas, estuda solfexo e aos 15 anos aprende a tocar a guitarra. En 1964 vaise para Barcelona, onde traballa, estuda e compón as súas primeiras cancións. Grava o seu primeiro disco en 1968, unha de cuxas cancións, “Soia”, é seleccionada para o I Festival Internacional da Canción de Barcelona. Actúa nas televisións francesa, española e alemá, ademais de dar recitais en varios países europeos. Miro Casabella, unha das voces destacadas da nova canción galega, formou parte de Voces Ceibes en 1969 e do grupo folk DOA en 1979. Despois desenvolve unha traxectoria en solitario que comeza precisamente en Barcelona. Publica en 2004 o seu último disco, Orvallo (Picap, 2004), animado por Paco Ibáñez, no que inclúe cancións sobre poemas galegos medievais, Celso Emilio, Rosalía, Uxío Novoneyra, García-Bodaño e mais un tema titulado "The Prestige".

Recentemente o grupo Luar na Lubre gravou “O meu país”, unha canción que Miro fixera sobre un texto de Juan Manuel Casado e que era coa que abría todos os seus recitais.

Xose Manuel Casabella
Nace en Ferreira do Valadouro o 13 de maio de 1941. Despois de completar os seus estudos de arquitectura na Escola Técnica Superior de Barcelona, comeza a estudar con Esteban Bonell. En 1971 é contratado pola devandita Escola de Barcelona como Profesor Encargado de Curso da materia Proyectos Arquitéctonicos II, da cátedra de Oriol Bohigas, impartindo aulas até 1973, ano en que traslada a súa actividade docente para a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, da que é director desde 2005. Hai en toda España numerosos proxectos privados e públicos deseñados por este arquitecto, como a restauración e remodelación do kiosko Alfonso (A Coruña), a remodelación do contorno das Burgas (Ourense), a Casa do Francés (Edificio do Servizo de Alumnos na Universidade da Coruña), Centro Multiusos e Palacio de Deportes (Santiago de Compostela), Auditorio Municipal (Ourense), Pabellón Multiusos Sánchez Paraíso (Salamanca), etc.
Manuel Lourenzo
Nace en Ferreira do Valadouro (Lugo) no ano 1943. Dáse a coñecer a inicios dos anos sesenta e desde ese momento vai desenvolver unha intensa actividade como actor, dramaturgo, director teatral, conferenciante, tradutor e dinamizador de diferentes iniciativas teatrais.
     
Funda os grupos e compañías O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e Compañía Casahamlet. A nómina de obras publicadas e/ou estreadas por Manuel Lourenzo ultrapasa os cincuenta títulos: Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca, Viva Lanzarote, A noite dourada de Mimí da Cora, Nosferatu, etc. Traduce pezas dos clásicos gregos e de autores como Goethe, Büchener, Fassbinder, Heiner Müller e encena máis de cincuenta espectáculos de dramaturgos como Sófocles, Eurípides, Puschkin, Chekov, Strindberg, Brecht, Genet e de autores galegos como Castelao, Cunqueiro, Otero Pedrayo, Euloxio R. Ruibal, Xulio González, Xesús Pisón, Miguel Anxo Fernán-Vello...
     
Polo seu labor como escritor e director teatral ten recibido innúmeros galardóns: Premio de Teatro Infantil O Facho, Abrente, Ditea, Cangas, Xeración Nós, Rafael Dieste, Premio Nacional de Literatura Dramática do Estado e o Pedrón de Ouro, entre outros.
    
Actualmente dirixe na Coruña, con Santiago Fernández, o estudio teatral Casahamlet.

O 8 de xullo de 2007 recibe unha homenaxe na súa terra organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega que se concreta na instalación dun monolito no Parque Concepción Arenal e a denominación co seu nome do Centro Sociocultural do Concello do Valadouro.