Concello do Valadouro
O Entorno
Hijos del Valle de Oro
Dolmen
O Concello
Saludo del Alcalde
Corporación municipal
Empleo
Trabajo Social
Atención Infantil
Casa de Cultura
Guía municipal
 
Documentación Municipal
Axenda
Contacto
 
Patrimonio
Festas e outros eventos
O Entorno
Descubre O Valadouro
es
ga
Especial Sociedad Hijos del Valle de Oro
Para os historiadores é frustrante que a memoria histórica se active a golpe de aniversario e conmemoración. E é que vivimos nun país no que a lembranza histórica é fráxil, cando non inexistente. No entanto, xa que temos que convivir cos aniversarios, preciso é recoñecermos que neste ano 2006 hai varios de importancia. O levantamento progresista e provincialista de 1846, o Banquete de Conxo (1856), a creación da Real Academia Galega (1906), a fundación das Irmandades da Fala (1916), a proclamación da II República (1931), o plebiscito do Estatuto galego de 1936, o comezo da guerra civil (1936) e un que vai pasar desapercibido: o nacemento de Castelao (1886). Mais, dado que, como dicía, a memoria histórica é escasa, quero traer a estas páxinas un aniversario que se celebrará en 2007: a fundación na Habana en 1907 da sociedade de instrución El Valle de Oro por emigrantes dos concellos do Valadouro e Alfoz.

A fundación de sociedades microterritoriais foi algo común á emigración galega desde comezos do século XX. En Cuba, desde a fundación en 1904 da Alianza Aresana de Instrucción foron xurdindo varias entidades que pretendían dinamizar a súa terra de orixe. En efecto, o principal obxectivo destas sociedades foi a intrución, é dicir, a construción de escolas nas súas parroquias natais. Baixo esta preocupación docente naceu na Habana a sociedade de instrución El Valle de Oro en outubro de 1907. Entre os promotores da sociedade podemos apuntar os seguintes nomes: Valentín Nécega Rivas, Juan R. Álvarez, Ángel Mandiá Reigosa, José F. Vidal, Antonio Vila Ares, Constantino Romero Cortiñas, Manuel Díaz Lestegás, José Mandiá Reigosa, Generoso Díaz Villar, Francisco Moscoso Febrero e Francisco Janeiro Goás, que foi o primeiro presidente da entidade. O número de socios fundadores foi de dez, chegando en 1928 a acadar a cifra de douscentos catro.

A sociedade construíu as escolas do Cadramón, Vilacampa, Bacoi, que tiveron unha inversión de quince mil pesetas cada unha. Por outra parte, a sociedade tamén participou na construción das escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz, participando coa cantidade de dúas mil pesetas. En 1933 grazas ás aportacións da entidade puido rematarse a escola da parroquia de Adelán.

Ademais das escolas a sociedade El Valle de Oro participou decisivamente na restauración das igrexas do val. Neste senso, sen dúbida, a súa principal actuación foi remitir os fondos necesarios para rematar a igrexa de Ferreira. En efecto, en decembro de 1920 constituíuse na Habana o “Comité Pro Iglesia de Ferreira”, que estaba integrado por: Juan R. Álvarez, Pedro García Hernán, Manuel Rico, Manuel Palmeiro, Manuel Díaz, Ramón Reigosa, Ramón Canoura, Pedro Fernández López, Antonio Vila, Eduardo Pernas, Antonio Rúa Cao, Ramón Blanco Álvarez, José Orol Fernández, Manuel Pernas, Laureano Díaz e Manuel Mon Reimonde.

O obxectivo da sociedade era tamén dar protección aos seus asociados, favorecendo a repatriación dos emigrantes menos afortunados. A entidade tamén construíu en 1933 un panteón no Cemiterio Colón da Habana. Por outra parte, a sociedade organizaba cada certo tempo festas e xiras para favorecer a unión entre todos os emigrados do Valadouro e para recadar fondos para financiar os seus obxectivos. As crónicas destas festas eran reproducidas nas revistas galegas da Habana. Copiamos deseguido unha destas crónicas, tirada da revista Suevia (n.º 4, 25-09-1910) para ver como se divertían os nosos veciños na capital de Cuba:

Atentamente invitados por el digno Presidente de esta sociedad, nuestro querido paisano señor Antonio Vila, asistimos á la gira que celebraron el pasado domingo en los jardines de La Tropical, la que resultó expléndida en la organización, archi-super en la comida, más que super en la bebida y despampanante en el baile.

Al penetrar en aquel recinto, que parece un trozo de tierra arrancado del Norte de España, traido por obra y gracia de algún gracioso y para solaz, recreo y mata-morriña nuestra, fuimos muy finamente atendidos á cuerpo de Presidente –porque á lo de Rey ya es antiguo– por los dignos y entusiastas Sres. Manuel Hermida y Valentín Nécega, Tesorero y Secretario respectivamente de la mencionada Sociedad, á los que damos nuestras más expresivas gracias.

Al terminarse el almuerzo, hizo uso de la palabra nuestro distinguido amigo el Sr. Juan Álvarez, quien alentó con frases hermosas á los socios de “Valle de Oro”, para que prosigan sin desmayar en su hermosa cuan altruista obra, de dar instrucción que es libertad, a las generaciones venideras. Hallándose presente un hijo de la tierra azteca, que celebraban una gira en los jardines ese mismo día, dedicó el Sr. Álvarez frases de elogio para la República de Méjico, con motivo del Centenario de su Independencia, y al hablar sobre aquel célebre caudillo Morelos, definía nuestro amigo, que si no era gallego, de allá venía; más al llegar á esta parte de su oratoria, una voz gritó: –¡Viva Canalejas!, y al ser coreado por los entisiastas hijos de “Valle de Oro” allí congregados, el númen de la inspiración fué cortado.

Y cerramos esta crónica, no sin antes ensalzar como lo merecen, los sabrosos productos de Galicia servidos en esta gira, por el popular comerciante, Sr. Antonio Romero.

¡¡Qué lacón, –entre los varios productos– y que vino!

¡Bravo por la Sociedad “Valle de Oro!

A historia da emigración do Valadouro a Cuba é tamán a historia dos seus principais homes. Neste senso, debemos mencionar a figura de Andrés Canoura Palmeiro. Naceu na parroquia de Santa Cruz o 8 de abril de 1852. Na Habana foi propietario da zapataría “La Moda”. En 1979 participou na creación do Centro Galego, sendo elixido vogal da súa primeira xunta directiva. En 1881 tamén pertencia á directiva da “Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia”. En 1891, durante unha visita ao Valadouro, casou con Ramona Fernández. Tras o seu asentamento definitivo en Galiza, foi alcalde do Valadouro. Finou en Ferreira o 25 de xaneiro de 1930.

De non menor significación foi Ramón Canoura Fernández, fillo do anterior. Naceu na parroquia de San Xoán da Laxe o 24 de xaneiro de 1899. Tras realizar estudos de Comercio emigrou a Cuba. En 1922 foi elixido como secretario da Sociedade El Valle de Oro, entidade que chegaría a presidir en 1925. Nese mesmo ano pasou a formar parte da xunta directiva da “Sociedad de Beneficencia de Natural es de Galicia”. En xullo de 1922 Ramón Canoura foi un dos principais impulsores da sociedade católica “España Integral”, que publicaría unha revista co mesmo nome. Tras o seu regreso ao Valadouro, Canoura fundou a sociedade “Formación de Jóvenes de Alaje”, entidade que publicou a revista Juventud de Alaje, que comezou a se editar en agosto de 1945. Ao igual que seu pai tamén foi alcalde do Valadouro. Faleceu en Ferreira o 28 de xaneiro de 1969.

Outro destacado emigrante foi Joaquín Díaz Villar, nado na parroquia de Santa María de Vilacampa o 8 de abril de 1886. Chegou a Cuba en 1901, comezando a traballar nunha tenda de víveres. En 1905 pasou a traballar como dependente na tenda de roupa “El Encanto”, negocio do que chegaría a ser propietario. Ademais de pertencer á sociedade El Valle de Oro, foi membro do Centro de Dependentes da Habana e do Centro Galego. Importante benefactor da súa parroquia natal, grazas á súa axuda puido restaurarse a igrexa parroquial, restauración que el mesmo inaugurou nunha viaxe ao Valadouro en 1949. Durante outra das súas visitas ao Valadouro, o 6 de setembro de 1956, foi homenaxeado cun banquete celebrado no “Hotel Asturias” de Ferreira.

O labor dos emigrantes do Valadouro e Alfoz, ao igual que o traballo de todos os emigrantes galegos, foi fundamental para a mellora da instrución, para o progreso material e intelectual e para o desenvolvemento xeral da nosa Terra. Por todo isto temos unha débeda moral cos nosos emigrantes. É de xustiza que no vindeiro ano 2007 se lembre nos nosos concellos a fundación da Sociedade El Valle de Oro. Xa que logo, quero facer desde esta páxinas un chamamento á sociedade do Valadouro e de Alfoz para que se organice para deseñar un programa de actividades que traia ao presente o inmenso traballo realizado polos emigrantes. Con iso pagariamos unha parte desa débeda que temos con todos eles. Antes de rematar quero lembrar tamen que a Sociedade El Valle de Oro segue a existir na actualidade. Evidentemente o paso do tempo e a situación de Cuba minguaron a súa actividade, máis a súa existencia segue a dar testemuño da presenza do Valadouro na Habana. Non é agora o momento de que os axudemos?

Artículo de Prudencio Viveiro Mogo publicado en el nº 2 de la revista Búsola
Hijos del Valle de Oro