| HISTORIA |
| No que se refire ós primeiros poboadores do Val, polo que se sabe ata agora aparecen no Paleolítico, recentemente atoparonse xacementos desta época na parroquia de Cadramón (véxase a sección de arqueoloxía). |
Megalistismo
No Neolítico construíronse monumentos funerarios levantados na terra con cámara interior de pedra xeralmente de gran tamaño. A súa actividade no Valadouro encontrámola na Arca do Chao de Padorno nos montes de Santo Tomé, nome con que se coñece o dolmen propiamente dito, sen esquecer termos vencellados ó folclore como o chamado “Forno ou casa dos mouros” na parroquia de Budián. Estes monumentos situámolos o redor do 2200-2100 a.c.
Pertencentes ó período Neolítico e dentro do fenómeno do Megalitismo encóntranse as mámoas; túmulo ou capa de terra e cascote que cobre a arca de pedra. |
A cultura castrexa
A cultura castrexa vencellada co Bronce Final é observable nos numerosos castros que se poden encontrar no Val e montes circundantes como o castro de Lagoa, o de Recaré, San Tomé e Castro de Ouro, de Bacoi, Santa Cilla, Budián e Santa Cruz.
A súa estrutura con planta circular e no seu interior as vivendas de pedra hoxe en día desaparecidas por efecto da utilización dos mesmos como asentamento de templos parroquiais ou cementerios que finalmente perturbaron o contorno arqueolóxico. |
| Entre a cultura Megalítica e a cultura castrexa, encóntrase a cultura da Idade do Bronce, Achados hoxe en día desaparecidos pero que contaban cunha poboación agrícola e gandeira con actividades relacionadas coa explotación de minerais metálicos cuxa cronoloxía se enmarca dentro do Bronce Final ó redor da primeira metade do primeiro milenio a. de C. |
Romanización
A Romanización no Valadouro é indubidable. Achado de moedas romanas na zona do Cadramón e tamén utensilios de influencia romana achados nos numerosos castros do Val. Cerámica e outros materiais en poboados como o de Santa Cruz demostran a influencia romana nos séculos II ó IV. |
| Durante a Alta Idade Media o Val presenta aspectos ou características de territorio pouco romanizado; organización en tribus, poboación adicada ó pastoreo complementándose ás veces cunha agricultura rudimentaria e cunha moi baixa densidade de poboación. |
| Dende o punto de vista da cristianización o territorio aparece vencellado á comunidade bretona asentada no norte da actual provincia de Lugo. |
| A chegada dos musulmáns á Península no ano 711 supuxo o asentamento no Val de elementos poboacionais procedentes do sur. |
| O Valadouro vive, como o resto da Galicia Medieval, dos anos 1100 ó 1330 un apoxeo do “feudalismo”, escenario de enfrontamentos entre os habitantes da Vila do Castro e o seu Alfoz e os bispos de Mondoñedo. Nesta época creánse as estruturas que con moi poucas variantes se reproducirán na Idade Media e séculos posteriores. |
| Don Pedro Pardo de Cela ou o Mariscal, como se lle coñecía no século XV, está vencellado á historia do Castro de Ouro e o seu Alfoz, así a fortaleza do Castro e a súa veciña Frouseira pasan á historia por ser escenarios da súa prisión e cerco.
Os anos transcurridos dende o nomeamento de Don Pedro como comendeiro do bispado hacia 1464, ata a súa prisión e axustizamento en Mondoñedo en 1483, foron suficientes para que o pobo crease a lenda e asociase para sempre ó Mariscal coas Terras do Valadouro. |
| A antiga ermida de Santa María de Ferreira foi construída no lugar que hoxe ocupa a praza de Vila. A existencia da mesma e o desenvolvemento dun mercado corren paralelos ó longo dos séculos XVIII e XIX. |
| A expansión comercial provocada polo auxe dos mercados supón ó xurdimento dunha entidade de poboación que co título de Vila se converte en capital dun concello e dunha comarca. |
| Paralelamente ó derrubo da ermida constrúese a actual igrexa de Ferreira, de estilo neogótico, obra do arquitecto lucense Ruperto Sánchez (1911-1931 nave e ábsides. 1955 torre). |
| A importancia do mercado e o estabelecemento de mercaderes e comerciantes procedentes de Castela e da maragatería estabelecendo os seus comercios ó final das súas rutas leva á creación dun núcleo económico para o Val no século XIX.
Tamén por outra banda a afluencia de ricos comerciantes que fixeron o seu capital en Cuba entre finais do século XIX e principios do século XX rematan de elaborar a estrutura do pobo: construción de edificacións, comercios e banca. |
| O crecemento foi rápido e constante e o 27 de Xaneiro de 1894 a rexente Dona María Cristina outórgalle a Ferreira o título de Vila. |