OFICINA MUNICIPAL DOS SERVIZOS SOCIAIS
Os Servicios Sociais de Atención Primaria son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de O Valadouro e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de tódalas persoas veciñas deste Concello.
Configuran o nivel básico de actuación, constituíndo a "porta de entrada" ao Sistema Público de Servizos Sociais, dende o cal se actúa de maneira directa e integral sobre as problemáticas e/ou necesidades sociais das persoas usuarias e que, cando así o require a especificidade da situación, os casos son derivados por prescrición técnica aos Servizos Sociais de Atención Especializada.
Os programas básicos de actuación que se desenvolven en atención primaria, e que veñen a recoller as prestacións básicas do Plan Concertado segundo o Decreto 240/1995 do 28 de xullo polo que se regulan os servicios Sociais de Atención Primaria, son:
Programa de orientación, asesoramento e información: o obxecto é informar @s cidadáns sobre os distintos dereitos e recursos en materia de servizos sociais, así como orientar e asesorar ás persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnosticar a situación e derivalos, se é necesario, aos servizos sociais de atención especializada.
Programa de axuda no fogar: está dirixido a toda a poboación, tendo como prioridade aqueles/as cidadáns que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social e que teñan dificultades para procura-lo seu benestar físico, social e psicolóxico, prestándolles unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico e proporcionándolle-la posibilidade de continuar no seu entorno natural, mentres esto sexa posible e convinte.
Programa de inserción social: ten como obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
Programa de animación, prevención e cooperación social: trátase de facilita-la participación das persoas en tarefas colectivas tendentes a que sexa a propia comunidade a que asuma as problemáticas e busque canles de solución, fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado.
Programa de convivencia alternativa: o seu obxecto ofertar un aloxamento provisional a aquelas persoas en situación de emerxencia persoal ou familiar cando non sexa posible a permanencia no propio fogar ou este non exista.