Home
Guía Comunicación
Galego · Español · English
Inicio > Contorno > A Serra do Xistral
A Serra do Xistral
Hijos del Valle de Oro
Restos Arqueolóxicos
A Serra do Xistral
A Serra do Xistral

A Serra do Xistral é parte do macizo montañoso que separa a Terra Chá do mar; as outras son os montes da Toxiza e os da Carba. Ocupa os concellos de As Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo.

A Serra do Xistral deita augas no Cantábrico (Landro, Ouro e Masma), na Terra Cha por Abadín, e no río Sor e no río Eume. A Serra do Xistral e as Ribeiras do Río Sor están declaradas Espazos Naturais Protexidos.

É a zona de Galiza que menos sol recibe e a frecuente néboa que percorre as chairas elevadas da serra do Xistral deixa abondosa choiva que enchoupa as súas extensas turbeiras de pasteiros, nas que habitan greas de cabalos ceibos e onde prosperan especies endémicas, como como o buño, a Drossera intermedia e diversas especies de esfagno e uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix, uceiras secas europeas e uceiras ortomediterráneas endémicas con toxo. Destaca a presenza de augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Litorelletalia uniflorae), lagoas eutróficas naturais con vexetación Magnopotamion ou Hydrocharition, lagoas e estanques distróficos naturais, ríos de pisos de planicie a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-batrachion, formacións herbosas con Nardus, con numerosas especies, sobre substratos silíceos de zonas montañosas (e de zonas submontañosas de Europa continental), turbeiras de cobertor, depresións sobre substratos turbosos de Rhynchosporion, bosques aluviais de amieiros, freixos de río, Alno-padion, Alnion incanae e salgueiros, xunto con bosques de acivros.

Entre a fauna destaca do lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) e a lagartixa das brañas (Lacerta vivipara), que ten nesta serra unha das poucas localidades de presenza en Galiza e que, ademais, ten aquí o seu límite occidental de distribución na península Ibérica. Vense especies propias de zonas abertas como as rapinas (Circus ssp.) ou de zonas montañosas, como a lagartixa da serra, ou de zonas húmidas, como a becacina craba (Gallinago gallinago). Outras especies a destacar son o picaouro (Carduelis spinus), o picanzo vermello (Lanius collurio), o picanzo real (Lanius excubitor), a papuxa montesa (Sylvia undata) e a saramaganta (Chioglossa lusitanica).

Os ventos baten todo o ano nos montes onde se encontra un único e célebre mineral denominado Cuarcita do Xistral

Todo o texto está dispoñíbel baixo GNU Free Documentation License
(Vexa Copyrights para consultar os detalles.)