 |
|
 |
|
|
| A RAPA DAS BESTAS |
1º domingo de agosto |
| A Rapa das Bestas é unha antiga tradición que ten a súa remota orixe na Idade de Bronce e da que o historiador romano Estrabón fai referencia como curiosa actividade gandeira, louvando algunha das súas cualidades. É a partir do século XVIII cando se convirte nunha celebración festiva e recibe a denominación popular da Rapa das Bestas, aínda que sigue sendo coñecida como curros en moitos lugares de Galicia. |
Esta festa na que se revive este rito ancestral do rapa das crinas e a marca do gando, cada vez adquire maior sona e popularidade pola espectacularidade da loita entre o home e as bestas, pola beleza paisaxística e a variedade de actos que se foron engadindo a este día sinalado.
Sobre as 12 da mañá faise unha selección dos animais, que se pecharon no curro o día anterior, para a súa posterior marcaxe en función dos seus propietarios.
Os loitadores comproban a afouteza dos exemplares para vencer a súa resistencia con forza e habelencia, reducindo aos cabalos no chan, marcando o sinal debida e rapando as crinas. Os animais máis salvaxes son dominados con paciencia e sabedoría nas mangas, corredores estreitos no curro que limitan a capacidade de movemento das bestas.
As crinas repártense entre os nenos asistentes antes de recuperar forzas saboreando coa familia e os amigos unha comida campestre propia de calquera romaría: polbo á feira, churrasco, empanadas..que pódense adquirir en cantinas habilitadas no monte do curro a tal efecto.
Despois do xantar, outro momento máxico no día: a beleza dos animais galopando en manda na procura da liberdade despois de abrir a curro.
Sobre as 17 da tarde fanse xogos populares como a famosa cucaña que premia a destreza dos rapaces na procura dun xamón.
Un dos platos fortes da xornada, e broche final, é a carreira de cabalos na que participan os mellores xinetes da comarca e que fan deleitar ao público dende os mesmos entrenamentos. A competición finaliza co acto de entrega de premios aos gañadores. |
 |
|
| |
|
|